A Estrada, primeiro destino dos Obradoiros Ágora, o 16 de xuño

Un senlleiro ciclo formativo está a tomar forma no seo da Facultade Ágora. Son os  Obradoiros Ágora, que descentralizan a actividade académica e baixan ao traballo de campo, examinando pormenorizadamente unha acción transformadora nun municipio da provincia de Pontevedra. O próximo día 16 de xuño inícianse na Estrada palpando as súas recentes transformacións da paisaxe urbana.

Como se realizaron o proxecto e a obra? Que problemas houbo, como se foron resolvendo? Como se xestionou coa veciñanza? Que leccións podemos sacar diso? Cal é o seu resultado en termos de satisfacción? Que críticas recibiu, que autocrítica podemos realizar? Son preguntas que se prantexarán nesta xeira de catro experiencias que se achegan a outros tantos proxectos significativos, tomados como exemplos de boas prácticas.

Persoal técnico e responsables políticos uniranse a esta formación experimental a través das radiografías a dúas das principais transformacións que realiza a capital municipal: a peonalización da antiga travesía da localidade, hoxe Rúa Ulla, así como o Campo da Feira e os seus espazos adxacentes.

A serie Obradoiros Ágora ofrece unha xornada de experimentación. Pola mañá, as persoas participantes desprázanse ao lugar da celebración (neste caso A Estrada). Alí dispoñen dunha primeira toma de contacto coa contorna. Despois agárdalles unha parte máis teórica, de diálogo cunha persoa pertencente ao cadro docente da  Facultade, que actuará como Observador ou Observadora Ágora, sobre os aspectos máis significativos dese tipo de proxectos transformadores. Nesta primeira sesión será o xeógrafo Màrius Navazo.

Posteriormente celébrase un xantar de traballo, tras o que as persoas participantes trasládanse ao lugar da sesión práctica.

O programa para este ano consta de 3 sesións, ademais da da Estrada: Tomiño o 30 de xuño, Vilagarcía de Arousa, o 8 de setembro e Ponteareas, o 30 do mesmo mes.

Entre os fundamentos teóricos da experiencia figuran liberar espazo do uso exclusivo da mobilidade, o tráfico necesario, a prioridade peonil, a repartición do espazo, os bordos e pavimentos, os pasos peonís e a súa execución, a accesibilidade, o mobiliario, a vexetación, o acougado e xestión do tráfico, o estacionamento, os redutores de velocidade ou a continuidade dos itinerarios peonís, entre outras cuestións.

Os Obradoiros Ágora son unha das catro patas nas que se basea a oferta formativa da Facultade Ágora este ano. Ademais, as persoas interesadas poden apuntarse tamén ao Curso Ágora on-line, á xornada Poli Ágora, destinada ás policías locais, ou ás Conversas Ágora, un ciclo de conferencias abertas a todos os públicos.

A  Facultade Ágora é unha experiencia formativa da Deputación de Pontevedra, a través da súa Rede Ágora de municipios polo espazo público. Está xestionada en colaboración coa Rede de Cidades que Camiñan. A iniciativa está liderada polo deputado de Espazo Público e Mobilidades Alternativas, Uxío Benítez.

Outros artigos de última hora