As enfermidades pulmonares son as máis relacionadas coa contaminación urbana, pero non as únicas, pois tamén as cardiovasculares teñen a súa cota de afección. Son datos achegados polo neumólogo do hospital de Pontevedra Adolfo Baloira na Facultade Ágora: “A cidade saudable é a que favorece á saúde, a que mantén o seu aire libre de substancias nocivas e a que dispón de espazos axeitados para realizar actividade física”.
Os 5 millóns de mortes ao ano no mundo por mor da contaminación do aire, ademais doutros dous millóns de mortes prematuras polo mesmo mal e o moito que a contaminación acelera outras enfermidades sobrevoou unha intervención que chamou en todo momento a atención para diminuír os índices de polución: A calidade do aire é un activo que poucas veces se valora.
Unha contaminación composta por monóxido de carbono, óxidos de xofre, ozono, óxidos de nitróxeno e outras partículas en suspensión. Un cóctel respirable na maioría das cidades que se traduce en males como a EPOC, que no 15% dos casos está relacionada directamente co estado do aire, e noutro 20% agudízase por ese mesmo motivo. Outra afección estendida, como a asma, pode agravarse por elevadas concentracións de ozono. Así mesmo, as partículas en suspensión no aire son causantes doutras infeccións, como o COVID19, que se ven agravadas debido ao mal estado do aire que respiramos.
Baloira fixo referencia a estudos realizados na Europa nórdica que indican que a xente que máis camiña hospitalízase menos (considérase camiñar moito a unha media de 3 ou 4 horas semanais). Ademais, comprobouse que as persoas que máis camiñan teñen menos afeccións pulmonares. Por iso “debemos cambiar a tendencia ao sedentarismo e camiñar máis”.
A actividade física xera beneficios a nivel físico e mental, contribúe a previr enfermidades non transmisibles, como as cardiovasculares, o cancro e a diabetes. Ademais reduce os síntomas de depresión e ansiedade, mellora as habilidades de razoamento, aprendizaxe e xuízo, asegura o crecemento e desenvolvemento saudable das persoas mozas e mellora o benestar xeral.
Unha de cada 4 persoas adultas non acada os niveis recomendados de actividade física, e se o fixesen, poderían evitarse 5 millóns de mortes ao ano, xa que as persoas que non chegan ao nivel mínimo de movemento recomendada teñen un risco de morte entre un 20 e un 30% maior que o resto. Un dato paradóxico é que máis do 80% das persoas adolescentes teñen un nivel insuficiente de actividade física.
Achegou algunhas características que deben ter as cidades saudables: amplos espazos sen pendentes, amplas zonas exclusivas para peóns, zonas visualmente agradables e protexidas, facilidade para descansar entre paseos (mobiliario urbano) e a posibilidade de camiñar sen grandes aglomeracións de persoas.