Carlos Moreno: cronourbanismo para xestionar o territorio

A emerxencia climática e o  Covid foron grandes  potenciadores do cambio urbano, segundo o profesor da Sorbona

A combinación do factor climático co coronavirus deron un enorme empuxón “dramático pero positivo” ao proceso de cambio urbano que o mundo necesitaba. Foi unha das ideas que puxo sobre a mesa Carlos Moreno, o profesor da Sorbona que popularizou durante os últimos anos o concepto de Ciudad dos 15 minutos e que saltou á escena internacional ao converterse en asesor e inspirador de Anne Hidalgo durante as últimas eleccións municipais parisienses. 

Moreno participou na segunda sesión da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra, na que compartiu cartel con  Isabela Velázquez, Rubén Lois e  Valerio González, unha iniciativa pedagóxica xestionada pola Rede de Cidades que Camiñan.

Unha proposta que obtivo o apoio maioritario da cidadanía e que converteu París nunha das capitais que abandeiran o cambio urbano, con propostas  rupturistas nunha gran cidade como eliminar tráficos a motor de paso e lugares de aparcamento ou promover as mobilidades alternativas como camiñar ou a bici. E outros cambios de gran calado, contidos nas teorías de Moreno, e que darán moito que falar nos próximos tempos sobre como organizar a vida dunha gran cidade.

O profesor Moreno fixo unha precisión previa: “A densidade urbana inflúe no noso concepto, pero non o anula. O que é a cidade dos 15 minutos para lugares densas, é o territorio de media hora para espazos dispersos como as Rías Baixas”. A partir dese momento, comezou a referirse á súa teoría como a cidade de proximidade ou o territorio de media hora. “Conceptos xemelgos que buscan unha territorialidade feliz”.

Un rápido repaso ás condicións do planeta e as sucesivas edicións dos Cumios do Clima levoulle á conclusión de que é absolutamente necesaria un roteiro para “construír un novo modo de vida nas cidades, para combater polo clima, o que nos levará a saír da vella mobilidade obrigada, a outra mobilidade máis elixida”.

Moreno dixo que a loita local, o compromiso da  gobernanza local é a peza crave para “conquistar unha nova narrativa urbana que o mida todo en tempos de proximidade para chegar a unha mobilidade baixa en carbono”. A máxima expresión dos vellos tempos da mobilidade foi o que denominou “autosolismo” ou o paradigma do coche ocupado unicamente por unha persoa.

Loitar contra o actual modelo supón traballar fundamentalmente en 6 ámbitos: o lugar de residencia, o de traballo, o modo e lugar de abastecernos, a forma de coidarnos e os espazos do lecer e a cultura. “Por suposto non se trata de ter un museo do Louvre en cada barrio, senón de rodear o hábitat dunha profusión de servizos necesarios”. Por iso hai que coñecer o territorio palmo a palmo para traballar sobre o que representa o “potencial de separación máxima” e darlle un valor urbanístico e territorial humanista.

Retratou de forma moi realista o actual sistema de vida “Queremos seguir vivindo nunha cidade deshumanizada, chea de coches, ir comprar só a centros comerciais afastados, sen acceso fácil á cultura, sen coñecer aos teus veciños, con transportes aos que é difícil acceder? Iso é unha cidade insostible”. 

O reto é conquistar unha nova vida urbana inspirada en tres ideas. A primeira consiste en organizar o “cronourbanismo” para acabar coa situación actual que nos obriga a ir sempre rápido, onde o tempo é un factor económico que nos fai “perder moita vida”. 

A “ cronotopía” consiste en modificar os usos das cousas para acabar co esquema de “un lugar, un uso”. “Hai que imaxinar novos usos para equipamentos ou lugares que poidan ser máis útiles a máis persoas e acabar co urbanismo dun só uso”, referíndose por exemplo a colexios que fóra do horario lectivo poden converterse en espazos para a cultura ou o encontro interxeracional.

Unha terceira dimensión denominouna “topofilia” ou amor ao lugar, que relacionou co civismo, a limpeza pública ou a minoración da violencia: “o apego aos lugares, o orgullo do territorio é o camiño axeitado para unha alta calidade de vida social”.

Recuperarase así o sentido do tempo, “que desaparecera comesto pola produtividade e o consumo, por un ritmo infernal e anónimo”. Converterase en tempo cronolóxico, en tempo para a creatividade e a innovación, e en tempo espiritual.

Facendo da traxedia virtude, citou ao Covid como a oportunidade que tivemos para “abrir xanelas a outra maneira de vivir, de coidarnos, de traballar… esta situación demostrounos que outro modo de vida é posible, e a cidade dos 15 minutos ou o territorio da media hora son unha oportunidade de reivindicar a proximidade de servizos na cidade diversa e multicultural”. Nunha cidade na que vivir, traballar, comprar, coidarnos, cultivarnos como persoas e gozar do tempo.

A tecnoloxía axudaranos a xestionar esta cidade  policéntrica e diversa, na que nada ten por que estar “nen á porta de casa, nen demasiado lonxe” de tal xeito que as persoas poidan desprazarse co mínimo gasto enerxético. Por último falou de mecanismos tecnolóxicos utilizados para diagnosticar o territorio, como están a facer en Occitania, territorio que considerou unha “malla  policéntrica” tamén asimilable ao concepto “media hora”.

actualidade

Please wait while flipbook is loading. For more related info, FAQs and issues please refer to DearFlip WordPress Flipbook Plugin Help documentation.