Carpio- Pinedo: Os SIX como aliados da camiñabilidade

Metodoloxías da información para quen precisa moitos datos para provocar as transformacións do espazo

Os modelos matemáticos aplicados á análise de situacións relacionadas coa mobilidade peonil foron os protagonistas da intervención do profesor José Carpio- Pinedo na sexta sesión da Facultade Ágora dedicada ás mobilidades alternativas. En concreto á mobilidade peonil, xa que o seu protagonista é “o complexo ser humano” e ademais é a principal de todas, porque nos afecta a todas e todos, e permítenos non só movernos, senón parármonos, charlar, recoñecérmonos, vivirnos, en definitiva facer vida social.

Utilizou unha cita de Stanley que define a cohesión social, un dos grandes obxectivos da xestión urbana, como “a disposición dos membros dunha sociedade para cooperar uns con outros para sobrevivir e prosperar”. Mostrouse partidario de unir aos estudos tradicionais da socioloxía, como renda, clase, etnia, relixión, xénero, idade ou educación, outros como os relacionados co estilo de vida, para enfocar desde a mobilidade as percepcións, limitacións, aspiracións e desexos das persoas.

Un relatorio dedicado especialmente a aquelas persoas técnicas e políticas que necesitan dispoñer de moitos datos para levar a cabo procesos de transformación, para o que existen ferramentas moi evolucionadas no mercado. Referiuse á nova pirámide da mobilidade de prioridade peonil como unha gráfica que está en todos os documentos oficiais, pero que en moitas ocasións queda aí, “vas á letra pequena e todo é para favorecer aos coches, e agora aos coches eléctricos”.

Carpio dedicou boa parte da súa intervención ás metodoloxías para analizar a  camiñabilidade de determinados lugares tanto a nivel macro (usos do chan, densidade, edificación, viario) como microescalas (deseño, confort, convivencia de modos), utilizando os sistemas de información xeográfica xa xeneralizados. Puxo como exemplo de factores que favorecen o camiñar que a rede viaria estea ben  inerconectada e permita fluxos en moitas direccións, para o que se serviu do exemplo da cidade árabe de Yehdda, que necesitaba estender o peso peonil dunha rúa central, moi presionada, cara a outras.

Mostrou varias infografías realizadas a partir dos numerosos datos de información xeográfica de que se dispón para indicar, por exemplo, as íntimas relacións existentes entre o nivel de renda e o uso do coche. Non só analizou os viarios e a súa interconexión, senón tamén os usos do chan e as relacións entre orixes e destinos para establecer o posible uso peonil do espazo e as prioridades que deben establecerse por rúas ou áreas.

Referiuse ao concepto da Cidade dos 15 minutos, que sen ser unha idea nova “atopáronlle un magnífico nome e apelaron á persoa e ao seu tempo para popularizala”, dixo en relación á idea que Carlos Moreno expuxo no seu día na  Facultade. Destacou que en París parten do anuncio de que eliminarán nada menos que a metade dos coches aparcados para recuperar a cidade, no que denominou como unha mostra de valentía política despois da que a súa impulsora, Anne Hidalgo, gañou as eleccións coa súa coalición París en común.

Alertou tamén sobre os perigos da xentrificación a través do caso de Curitiba, cidade que implementou nos anos 70 do pasado século un revolucionario sistema de autobuses rápidos grazas a unha rede de carrís exclusivos, co que se eliminou tráfico de coches particulares, provocando un encarecemento do chan que o mercado se apurou en aproveitar para crear novos edificios carísimos.

Mostrouse así mesmo partidario de abordar temas infrecuentes como limitar a publicidade do automóbil ou utilizar a industria cultural como o cinema ou outros medios masivos para provocar hábitos saudables en relación coa mobilidade, como que o protagonista se desprace en bicicleta ou a pé, e non sempre en coche.

actualidade

Please wait while flipbook is loading. For more related info, FAQs and issues please refer to DearFlip WordPress Flipbook Plugin Help documentation.