Isabela Velázquez propón máis felicidade con menos gasto de recursos

A arquitecta aporta unha completa definición de “ecocidade” para a que precisamos un novo estilo de vida, que ha de influír no xénero e os coidados

“Levamos anos tratando de difundir os valores da cidade das distancias curtas, dos coidados, da vitalidade, renaturalizadas, da igualdade, contrapoñéndoos ás cidades dos negocios, a especulación, as présas e a tensión, da cidade indiferente cara á natureza e a súa contorna” empezou dicindo Isabela Velázquez sobre a profunda admiración que lle suscita a figura de Carlos Moreno, o profesor da  Sorbona que a precedeu na súa intervención na Facultade Ágora.

O que propón é un cambio de paradigma na planificación urbana que nos permita vivir en maior harmonía coa contorna consumindo menos recursos naturais: “Maior felicidade con menos consumo de recursos”, sentenciou, pouco despois de desexar que os fondos europeos denominados “Next Generation” sirvan para mellorar as redes de espazo público e non enfocar unicamente os esforzos no coche eléctrico.

Esta consultora madrileña comprometida coas ideas urbanas máis alternativas mostrouse compracida: “Polo menos estase cambiando o discurso, xa aparece a persoa no horizonte urbano, ogallá esteamos a tempo de reaccionar para un novo urbanismo que supoña un cambio radical e aspire a novas metas”.

A arquitecta urbanista sostén que este cambio de enerxía está a obrigar a mudar outras cousas tan importantes e profundas como o propio estilo de vida, que explicou cunha pancarta debuxada polo artista urbano Bansky que reza “Síntoo, o modo de vida que encargou xa non está dispoñible”. Tanto o revolucionario muralista como a arquitecta revelan que o novo modo de vida debera ser máis feliz, coherente co planeta e coa dignidade da vida humana.

A fenda de xénero foi outro asunto que Velázquez puxo sobre a mesa para o que tomou como exemplo a cuestión dos coidados, que se presenta ante nós como un iceberg, coa parte visible que é a remunerada, e a invisible, non paga, da que se ocupan principalmente as mulleres. 

Neste sentido, indicou que o novo urbanismo debe poñer en primeiro plano novas ópticas relacionadas coa vida cotiá, o emprego, os coidados, a crianza, o envellecemento, a saúde e o benestar, o que equivale a loitar contra a tensión da vida cotiá actual. E todo iso debe facerse cun enfoque  holístico que nos achegue ao concepto de ecocidade.

Unha ecocidade á que encheu de contido: accesible para todas e todos, con espazo público suficiente, que sexa unha cidade de distancias curtas, con zonas verdes integradas, que consuma o mínimo solo virxe, a que predominen peóns, ciclistas e transporte público, na que se reduzan e reciclen os residuos, cun ciclo de auga pechado e inocuo, cunha mistura de usos equilibrada, en harmonía coa natureza, a que mantén e reutiliza edificios e espazos, a que manexa ben os equilibrios entre centralización e descentralización a que considera os seus barrios como unha rede.

Tamén precisou que as ecocidades deben usar e producir enerxías renovables, que sexa segura e con alta calidade de vida, cun estilo de vida sustentable, unha cidade cunha densidade de habitantes “cualificada”, que manteña a escala humana, cunha economía local forte, capaz de ser construida e xestionada polos seus habitantes, que concentre ben o seu desenvolvemento nas zonas axeitadas para iso, que sexa quen de integrarse na súa contorna, que se manteña razonablemente compacta, que estea ben integrada nas redes de comunicacións xerais e que manteña un alto grau de identidade cultural e diversidade social.

Animou a que o concepo de planificación urbana supere os seus límites actuais como unha simple arma de dar un uso ao chan, para se converter nun espazo de toma de decisións identificando problemas reais e achegando solucións adecuadas a través de novos espazos de diálogo para apoiar o cambio. Neste sentido, destacou o valor do espazo público, que cada vez adquire maior importancia, porque é a rede que dará vida á cidade, incorporándoa á renaturalización unha vez que se vaian eliminando os coches privados.

actualidade

Please wait while flipbook is loading. For more related info, FAQs and issues please refer to DearFlip WordPress Flipbook Plugin Help documentation.