Izaskun Chinchilla propón “actuar sobre a capa branda” das cidades

A arquitecta dí que os coches nas cidades retrasan en 10 anos a corresponsabilidade das crianzas

A cidade ideal é a cidade mediterránea no sentido amplo, unha cidade compacta, continua, cunha axeitada mestura de usos, con abondosa rede de espazos exteriores e adaptados ao clima de cada lugar. Así definiu a arquitecta madrileña Izaskun Chinchilla como ve as cidades ás que debemos aspirar. 

Foi na terceira sesión da Facultade Ágora, na que participou co tamén arquitecto Mateus Porto, o xeógrafo catalán Pau Avellaneda e a enxeñeira da Deputación pontevedresa Andrea Otero. Chinchilla é arquitecta pola Politécnica de Madrid e traballa no seu propio estudo nesa cidade.

“Temos un punto de partida moi bo, con cidades excelentes, resilientes e ben adaptadas, pero temos que incorporar cuestións como a gobernanza participativa ou a biodiversidade. Temos que traballar no que ela chamou a “capa branda” para conquerir cidades máis coidadoras.

Unha das experiencias máis enriquecedoras na que participou tivo que ver coa infancia, a través dun amplo estudo con pedagogos que levaron a cabo no barrio londinense de Candem, estudando as motivacións dos máis pequenos para movérense entre a casa e o cole. Un estudo con maquetas arquitectónicas no que descobriron que a arquitectura para nenas e nenos é sobre todo a experiencia persoal que teñen cos edificios “e non o que imaxinabamos os arquitectos, como as cores, os materiais ou as xanelas”. Cada edificio é o que fixen nel coa miña tía ou a onde fun co meu pai.

Desa derivada concluiron que actualmente a sociedade retrasa uns 10 anos o desenvolvemento experiencial das persoas. “Desde os 4 anos unha persoa podería ir descobrindo a súa percepción propia da cidade, pero iso é algo que nos impiden os coches. Normalmente na actualidade ata os 14 anos non se lles deixa ir sós, co que estamos retrasando 10 anos o desenvolvemento persoal relacionado coa corresponsabilidade na cidade”.

Chinchilla fixo un diagnóstico bastante crú sobre os espazos de xogo actuais, que son lugares segregados do resto da cidade pola necesidade de protexelos da contorna; son parques “escolarizados” con instruccións de usos moi precisas e estrictas, e que tenden a segregar ás crianzas por idades, xa que as persoas maiores quedan apartadas, como vixiando ás noviñas “impedindo a sanísima e fructuosa relación interxeneracional no xogo, que nos permite incrementar a corresponsabilidade de nenas e nenos”.

Na súa intervención Chinchilla apelou en varias ocasións á necesidade de mudar o papel que cumpren os coches na cidade: “Para cumprir cos Acordos polo Clima de París xa sabemos que é necesario retirar o tráfico motorizado, pero debemos ir máis aló renaturalizando a cidade e facéndoa compatible cos coidados”.

Nese sentido sinalou os sinais de tráfico, as “liñas brancas” pintadas sobre o asfalto como “o gran fracaso do deseño urbano, porque unha cidade ben deseñada ten que ser quen estimule a intuición das persoas que a utilizan, sen que sexa preciso sinal nengún”.

Referiuse aos bolardos como eses “obxectos aparentemente inocentes, como os sinais de tráfico e as beirarrúas segregadas, instrumentos para resolver o conflito entre o coche e o peón, conflito que sempre se sitúa por enriba do dereito ao uso do espazo que deberíamos ter as persoas”.

Considera que o deseño urbano tense baseado nun “desequilibrio de intereses”, tendentes a garantir o desenvolvemento das actividades produtivas, esquecendo o resto de actividades humanas: “Deixaron de ser importantes cousas como se se pode beber auga pública na rúa, pasear de maneira protexida das inclemencias do tempo ou mesmo descansar nun banco público”. Esas “desatencións” xeneraron moitos dos graves problemas que teñen hoxe os espazos habitados.

Así mesmo chamou á gobernanza participativa como un elemento dinamizador do cambio urbano a través da implicación das persoas no deseño e a transformación da súa propia contorna.

Citou como exemplo da dispersión territorial non desexada unha proposta que teñen realizado para atallar a proliferación de segundas residencias ilegais na rexión de Murcia, consistente en dotar aos espazos públicos non urbanos de áreas de descanso e cociñas públicas para que as persoas podan gozar de experiencias fóra da cidade.

actualidade

Please wait while flipbook is loading. For more related info, FAQs and issues please refer to DearFlip WordPress Flipbook Plugin Help documentation.