Ole Thorson: “Que o coche pida permiso na cidade, non o peón”

O enxeñeiro activista que inclúe o tráfico peonil nos seus proxectos e reclama que así se faga sempre, xa que peóns somos todas as persoas

A perspectiva peonil ata os seus máis nimios detalles é o principal ingrediente do traballo diario deste enxeñeiro de camiños formado en Copenhague e Barcelona. Hai 45 anos xa postulaba estes principios nun ambiente profundamente marcado polo desenvolvemento do automóbil e coas cidades entregadas materialmente ao seu dominio, ao que ofrecían o mellor do seu espazo público.

Tanto tempo despois, Ole Thorson, danés de residencia catalá, fala coa precisión do enxeñeiro e coa paixón do activista, pois sabe que os aspectos técnicos non son alleos á perspectiva política que proxecta a realidade. Sobre esa base pronunciou a súa conferencia no Seminario 4 da Facultade Ágora, inaugurando a segunda área temática do curso: A boa mobilidade.

A sesión estaba encabezada polo suxestivo título “As persoas primeiro” e el abriu fogo de xeito rotundo: “Preguntástesvos algunha vez por que os estudos de tráfico inherentes a unha obra pública só contan vehículos? Nunca contan peóns, pero iso si: os coches teñen os seus tubos de escape directamente enfocados cara ás persoas, especialmente cara ás máis pequenas, que os sofren máis debido á súa altura”.

“Todo proceso de cambio do espazo urbano debe comezar nos peóns, que somos todos, porque uns unicamente camiñan ata o seu destino, pero outros polo menos camiñan ata o transporte público ou ata o seu coche… todas e todos camiñan”, dixo Thorson antes de aclarar que os movementos máis importantes que ocorren nunha rúa son os dos peóns “que encima non teñen por que ir linealmente, senón que se cruzan ou improvisan, aínda que niso nunca se pensa”. As cidades levan anos dedicando máis espazo e tempo aos condutores e menos aos peóns. “Hoxe estamos a recuperar ese espazo; é un cambio lento pero xa era hora de que empezásemos a ver resultados”.

Segundo este enxeñeiro “o coche debería ser o que pide permiso para estar, porque o espazo é das persoas”, polo que abordar unha obra pública sobre o espazo urbano deberían incluír sempre non só o número de coches que utilizan as vías, senón tamén o número de peóns, de ciclistas, de autobuses… sen eses datos nunca será posible facer ningún estudo de mobilidade”.

Recomendou tamén que as intervencións urbanas estean planificadas para todas as persoas, para a gran diversidade de usuarios que farán uso delas, tendo en conta de que os intereses dunha persoa maior ou dun neno, ou dunha persoa que leve un carriño da compra ou un bebé, ou que teña que desprazarse en cadeira de rodas non son os mesmos e a cidade debe ser cómoda e amable para todas esas categorías. Ademais, as rúas non só se utilizarán para desprazarse, senón tamén para estar, mirar, xogar ou o que desexen facer as persoas que as habitan.

“Estamos nun momento en que todo o que non queremos na calzada vai parar á beirarrúa, pero estas tamén necesitan polo menos dous carrís direcionais e un terceiro para mirar escaparates ou charlar, aínda que ese tipo de razoamentos unicamente refírense aos coches”. Citou ás Supermazás, o intento de retirar tráfico a motor das rúas como iniciativas xa propostas nos anos 70, pero con pouco éxito, celebrando que agora vaia falándose máis delas e mesmo algunhas cidades xa as experimenten.

Citou tamén as travesías como espazos que as autoridades deberían atender con máis atención, xa que só se pensa nos percorridos de longo alcance, pero non nas persoas que habitan as pequenas localidades atravesadas por estradas. Neste sentido pediu un cambio radical na perspectiva da planificación deses espazos de conflito.

Cambio que tamén propuxo para os obxectivos chamados “de visión cero”, referido ás persoas falecidas, “pero tamén hai que pensar nos feridos, nos lesionados, que son igualmente importantes, porque un sinistro viario pode chegar a cambiar a vida dunha persoa de forma repentina”. Neste sentido, saudou a recente iniciativa da DXT de cambiar a 30 o límite máximo de velocidade nas rúas dun carril, “pero non podemos ir facendo un cambio cada 20 anos, é desesperante, debemos ser máis áxiles”, animando a regular de forma máis estrita os parámetros de calidade do aire e de ruído nas rúas urbanas.

E despediuse cun poético paradoxo: “protexemos aos animais máis que aos nenos, deberiamos preguntarnos que estamos a facer mal os humanos”.

actualidade

Please wait while flipbook is loading. For more related info, FAQs and issues please refer to DearFlip WordPress Flipbook Plugin Help documentation.