Os principios Ágora

Estes son os dez Principios de Ágora, Concellos polo Espazo Público, a iniciativa da Deputación de Pontevedra para incrementar cuantitativa e cualitativamente o espazo público dos concellos da provincia

1) O espazo público é un dereito

Un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación. Toda persoa dun ámbito urbano de calquera dimensión ten dereito a dispor dun espazo público de calidade no que desenvolver a súa vida e as súas relacións sociais con seguridade. É unha obriga das administracións garantir ese dereito a cidadáns e cidadás.

2) As persoas primeiro

Calquera actuación no espazo público terá como destinatario prioritario as persoas a partires dun cambio de prioridades. Terase como obxecto garantir a mobilidade peonil que estará por diante na prioridade sobre outros modos de transporte na seguinte orde: bicicletas, vmp, transporte colectivo e automóbil particular.

3) Mobilidade inclusiva

O espazo público é o único que é de todos e todas, sen distinción de raza, xénero, idade, condición social, capacidade física ou síquica. É obriga dos concellos garantir a accesibilidade universal aos espazos públicos, promovéndoos como elementos de equidade e inclusión social. Atenderase de xeito prioritario as necesidades dos colectivos máis vulnerables: nenos e nenas, persoas maiores e persoas con diversidade funcional.

4) Autonomía infantil

A integración da infancia é un elemento básico do proceso de socialización de nenas e nenos, polo que devolverlles globalmente un espazo público seguro debe ser un obxectivo de toda a sociedade. Os concellos promoverán a creación de camiños escolares seguros (como primeira medida de recuperación do espazo para as crianzas), potenciarán a presenza de nenos e nenas nas rúas e prazas de xeito autónomo e establecerán canles de participación infantil na vida municipal.

5) Mobilidades alternativas

Promoverase a mobilidade natural e activa fronte á motorizada tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, creando espazos de preferencia peonil nas rúas e prazas centrais das nosas vilas e parroquias. No ámbito rururbano e interurbano crearanse itinerarios peonís e ciclábeis. Fomentarase o uso da bicicleta na mobilidade cotiá como modo de transporte alternativo.

6) Espazos seguros

A seguranza viaria será unha prioridade nos concellos incentivando políticas de calmado de tráfico, a través da colocación de pasos peonís sobreelevados e reductores físicos de velocidade. Todos os viarios municipais en contornas de núcleos urbanos ou rurais disporán de velocidades máximas de 30 qm/h. Nos espazos públicos de preferencia peonil os vehículos autorizados terán unha velocidade máxima de 10 qm/h.

7) Hábitat saudable

A redución da presenza de vehículos a motor e o fomento da mobilidade activa servirá para construir unha sociedade máis saudable. Os concellos ademáis de promover espazos amables e seguros para os desprazamentos cotiás promoverán iniciativas para potenciar as prácticas e usos saudabeis entre a cidadanía como camiñar ou andar en bicicleta.

8) Espazos amables e de calidade

Os concellos comprométense a que en todos os proxectos de intervención no espazo público garantirase un espazo peonil amable e de calidade, cun intinerario continuo e libre de obstáculos cun mínimo de largo de 2,5m (preferentemente 3m). Nos proxectos de initinerarios peonís e/ou ciclábeis (nos que se segrega da calzada) garantirase tamén un largo mínimo de 2,5m (preferentemente 3m). No caso de que esta solución sexa imposible ou desaconsellable sería prioritario a plataforma única coas medidas de calmado de tráfico necesarias para protexer os colectivos máis vulnerables.

9) Actividade económica de proximidade

A potenciación do espazo público de calidade e a presenza de persoas nas rúas servirá de fomento do comercio local. Os concellos promoverán actividades sociais, culturais, deportivas e de lecer no espazo público recuperado, que alén diso servirán como recursos turísticos.

10) Mobilidade sustentable

Diante da actual crise climática e, tendo en conta os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable elaborados pola ONU e a Axenda 2030, os Concellos promoverán a reducción do uso de vehículos a motor. O espazo público tenderá a reducir ou estar libre de contaminación ambiental.