Tonucci, contra a hiperprotección á infancia

A excesiva protección á que nenas e nenos están sometidos polos seus proxenitores na actualidade preocupa moito a unha das grandes figuras intelectuais que toman parte na  Facultade Ágora, o  psicopedagogo e debuxante italiano Francesco Tonucci, un dos grandes  difusores internacionais da recuperación da cidade coa mirada infantil. Resumiuno nunha gran frase que lle dixo unha nena colombiana en Bogotá: “Danarse é importante, porque se aprende”.

Tonucci trazou un diagnóstico sobre a infancia na nosa época, optando por un aparente paradoxo: a cidade debe ser xogable, pero sen espazos de xogo para nenos. Esa foi unha das achegas máis significativas, xa que se mostrou contrario á existencia de parques infantís: “Os nenos e nenas teñen que xogar en calquera parte da cidade, que debe baleirarse dos seus principais perigos, os coches, e ser entregada ao xogo”.

“A ciencia é unánime ao considerar que o xogo é a expresión máis importante na vida dunha persoa, a experiencia que produce un maior e mellor desenvolvemento congnitivo e social. Xa o sabiamos, pero agora, coa neurociencia, confírmase”, sentenciou o científico italiano. “Ademais, o xogo é unha competencia exclusiva da infancia; as persoas adultas non deberían nin organizalo nin vixialo, só permitilo”. Xa a Convención de Dereitos da Infancia resáltao ao considerar que a sociedade debe “empeñarse e comprometerse” co xogo. “Os nenos non só teñen o dereito, senón tamén o deber de xogar”, dixo Tonucci.

Xa en 1991, cando comezou a iniciativa “A cidade da infancia”, Tonucci propuxo ao alcalde de Fano, a súa cidade, que propuxese que nenas e nenos saísen sós de casa, sen a compañía de persoas adultas, para vivir a experiencia do xogo. Fixo referencia á idea común de que a cidade debe contar con máis e mellores espazos para a infancia, inclusivos para as persoas con discapacidade, e con fontes e baños, ideas coas que se mostrou en desacordo: “a cidade debe ser xogable sen espazos específicos”.

A desaparición do xogo no sur de Europa ten, a xuízo de Tonucci, dúas causas: “Desapareceu a confianza dos pais, porque estes cren que teñen nenos parvos, a quen cre incapaces de ir sós pola rúa, pero os nenos son capaces. Quen non son capaces son as cidades, que se converteron en espazos hostís”. A segunda causa é que desapareceu o espazo público, e con el, o espazo onde principalmente vívese o xogo. O dereito ao espazo público está ao mesmo nivel que o dereito á saúde ou o dereito á educación.

E falando de educación, Tonucci mostrouse moi crítico coa escola, “que se come o tempo de lecer da infancia ao ofrecer un servizo social ás familias coidando 8 horas dos rapaces: iso non é educación, é asistencia”, sentenciou. “Hoxe é máis difícil para un neno xogar á pelota na rúa que estudar fútbol”. 

Segundo o pensador italiano, a convención dos dereitos do neno fala do dereito á escola e do dereito ao xogo, “pero non di que a escola sexa máis importante que o xogo”, e foi máis aló: “Da mesma forma que á escola non poden levar xogos, á escola non se lle debe permitir poñer deberes, xa que estes cómense o tempo de xogo”. Neste sentido fixo referencia a un programa do goberno arxentino que está a animar aos nenos para recuperar o xogo na rúa, baixo o título “Saír a xogar”.

Fai ademais constantes referencias a que o xogo debe desenvolverse espontaneamente, sen a compañía de persoas adultas, xa que é a única experiencia que permite a nenas e nenos coñecerse mellor, algo fundamental para desenvolver a personalidade: “Os nenos coñécense, elaboran estratexias sociais, ata o momento en que os pais poden coñecer mellor aos seus fillos e chegar á convicción de ter confianza neles.

O xogo ademais, permite aos mestres coñecer mellor aos seus alumnos e avaliar as distintas capacidades para que na medida do posible poidan personalizar o seu paso pola escola, segundo as capacidades e as características de cada persoa, xa que a educación debe estar encamiñada a desenvolver a personalidade, non a memorizar datos.

Animou aos municipios para poñer dous carteis na entrada das súas cidades: Un que indique a velocidade máxima a 30 porque hai nenos nas rúas xogando, e outro que declare “cidade sen deberes” e sen espazos de xogo para nenos, xa que estes poden gozar en calquera parte do espazo público.

Durante o coloquio, Tonucci falou dos camiños escolares, mostrándose totalmente contrario aos que se organizan para ir en grupos, uniformados ou en fila hiperprotexidos. “O Camiño Escolar é só unha forma de aprender a ir sós, a facer unha vida autónoma na rúa, porque o importante de ir a clase é poder xogar con outros nenos, charlar sobre as súas cousas”. “O que temos que conseguir son cidades acolledoras coa infancia; hai que ir máis aló do camiño escolar tal como o coñecemos. A presenza de nenos na rúa produce seguridade”.

actualidade

Please wait while flipbook is loading. For more related info, FAQs and issues please refer to DearFlip WordPress Flipbook Plugin Help documentation.